MUIÑOS A MEDIADOS DO SÉCULO XVIII

Como os lectores do noso blog ben saben, nesta páxina web estamos facendo unha achega á historia particular de cada concello da comarca da Baixa Limia. Aínda que a historia como disciplina abarca todos os campos da vida humana, nestas breves achegas queremos centrarnos na cuestión da organización política e territorial. En concreto, desta volta abordamos a realidade do actual concello de Muíños.

Como todos os demais concellos da Baixa Limia, a actual institucións data dos tempos da reforma liberal de inicios do século XIX, formándose pola adición de diversas parroquias que podían ter ou non un pasado en común. Polo que sabemos, a mediados do século XVIII, e así sería ata que se creou o concello actual, estas parroquias dividíanse en diversas xurisdicións de orixe feudal. Estas eran o concello ou partido de Rebordechao, a xurisdición de Rairiz de Veiga e o couto de Maus de Salas.

Comecemos por describir a primeira destas unidades administrativas. O concello de Rebordechao, segundo o reflicte o Catastro de Ensenada estaba formado por sete parroquias: a de San Pedro de Mugueimes co seu anexo de Santa Mariña de Barrio (Cadós), San Pedro de Parada de Ventosa, San Salvador de Prado, Santo André de Porqueirós, San Miguel de Xermeade e Santiago de Calvos de Randín. Como acontecía en moitas dos casos xa analizados anteriormente, os veciños destas freguesías supomos que acostumaban a reunirse para dirimir en asemblea (concello) os asuntos que lles atinxían, como podía ser a administración de xustiza ou o pago de impostos. Para a administración de xustiza, sabemos que existía un xuíz e escribán nomeado polo señor desta xurisdición para tal fin, o cal na altura de 1752 era un residente da parroquia de Mugueimes, chamado Don Juan Francisco Tejada[1]. Por outra banda, os tributos que se pagaban ó Rei non os podemos coñecer, dado que os veciños non declaran nada sobre este aspecto. Pola súa banda, os dereitos señoriais que debían satisfacer eran nulos, xa que os representantes dos veciños afirman que non pagan ningunha clase de tributo en calidade de señorío.

No que respecto á titularidade dese señorío, este correspondía á casa de Lemos. Así o conde da dita casa dispuña de dominios de certa entidade no sur da provincia de Ourense, que conformaban a xurisdición de Calvos de Randín. Esta estaba dividida en dúas metades, e semella que o partido de Rebordechao conformaba a metade occidental (xunto coa freguesía de Calvos), mentres que á parte oriental pertencían as freguesías de Rioseco, Feás, Randín e Lobás.

Esta división explícase pola descontinuidade que presentaba a xurisdición, dado que entre unha metade e a outra estendíase o couto de Maus de Salas. Este era unha ave rara na xeografía señorial da Baixa Limia, xa que é a única xurisdición pertencente a unha orde militar de cabalería. A titular do señorío era a Orde Militar de San Xoán de Xerusalén, tamén coñecida como Orde de Malta por ter nesa illa mediterránea o seu asento. Esta xurisdición estaba formada unicamente pola parroquia de Santa Baia/Olaia de Maus de Salas, e considerábase anexa da Encomenda de Quiroga, a cuxa dignidade pertencían as posesións desta orde no oriente de Galicia. A diferenza dos outros señoríos xurisdicionais, que viran diminuír a súa carga tributaria de orixe feudal ata mesmo desaparecer nalgúns casos, en Maus de Salas si que existía unha gravosa fiscalidade deste tipo. Así o pago por lutuosas ascendía a 240 reais, cantidade inigualada en toda a comarca, mentres que as fumaxes acadaban os 98 reais, o equivalente a media tega de centeo e un marabedí que pagaba cada casa dos 68 veciños leigos, mentres que pola súa banda os dous eclesiásticos quedaban exentos. O seu pago, segundo afirman os declarantes ó catastro, facíase en man común, unha mostra da capacidade de organización que existía nas aldeas do entón e das posibilidades da autoxestión nun entorno rural. No que a cuestións xudiciais se refire, sabemos que o xuíz era un tal D. Rosendo Rivera, o cal non residía en Maus, senón que probablemente o fixera en San Paio de Abades, lugar onde rende testemuña ante o catastro acompañado de dúas testemuñas da súa escolla.

Por último, réstanos falar da xurisdición de Rairiz de Veiga. Como o seu propio nome indica, a cabeceira da xurisdición residía na parroquia de San Xoán de Rairiz de Veiga, e quedarían comprendidas no seu termo as freguesías de Lampaza, Candás, Sabariz, Zapeaus e Guillamil, pertencentes ó actual concello de Rairiz; as de Paradela de Abeleda e Porqueira (San Lourenzo) pertencentes á actual Porqueira; Golpellás, ubicada en Calvos de Randín, San Pedro de Carpazás, hoxe integrada no concello de Bande, e as freguesías muiñenses de Santiago de Requiás, Santa María de Barxés, San Pedro de Farnadeiros, Santa María de Souto de Limia e Santiago de Couso de Salas. Tratábase dun señorío dominical de ampla extensión, moito maior que calquera dos estudados ata o de agora neste blog, e fórao aínda mais no pasado, xa que a ela pertenceran no fin do Medievo as parroquias do partido de Rebordechao, posteriormente adquiridas, supomos que por medio dun preito por herdanza, pola Casa de Lemos. A súa mera extensión complicaba a administración do territorio, polo tanto non é de estrañar que en 1766 se afirme que se atopa dividida en cinco partido, a saber o de Todea, Rairiz e Montes, Abeleda e Araúxo. A excepción deste último, que comprende as terras do conde de Monterrei en Lobios, os partidos nomeados comprenden as parroquias arriba descritas. Probablemente ó partido de Abeleda se refire o abade Ulloa, cando afirma que en tempos anteriores a 1776 as parroquias de Couso, Barxés, Souto, Requiás, Paradela, Golpellás e Porqueira (San Lourenzo) formaban un couto con xuíz, escribán e notario propio.

Todas estas parroquias estaban gravadas polo conde de Monterrei cunhas exaccións señoriais mais elevadas do que era habitual na contorna, aínda que de xeito dispar. Así por exemplo, mentres Souto de Limia pagaba 10 reais de lutuosa (o concepto mais frecuente), a vasalaxe ascendía a 180. No caso de Farnadeiros as cifras eran de 5 e 15 respectivamente, nada excesivo, pero en Barxés a lutuosa volvía ascender a 50 reais, mentes que de vasalaxe non se pagaba ren. E todo isto ó mesmo tempo que os veciños de Requiás estaban exentos de toda carga señorial. Como vemos, ó igual que en casos anteriores, a tributación fiscal de orixe señorial variaba amplamente non só entre xurisdicións, senón tamén no seu interior entre as unidades locais que as conformaban (as parroquias). Isto é un feito que pon de relevo a forza da costume local dereito de goberno, no que a capacidade de defensa propia do pobo era considerable, xa que todo dependía de como interpretasen as súas propias costumes e obrigas mancomunadas.

Bibliografía

  • Documentos de arquivo:

Archivo General de Simancas, Catastro de Ensenada, Respuestas Generales, Libro 215, páxina 630 e seguintes; libro 217, páxina 33 seguintes, 167 e seguintes; libro 221, páxina 672 e seguintes, libro 224, páxina 646 e seguintes; libro 226, páxina 666 e seguintes, 704 e seguintes.

Este arquivo ten colgada na páxina Portal de Archivos Españoles (PARES) diversa información da Chancelería de Valladolid, incluídas as Respostas Xerais ó Catastro de Ensenada.

  • Libros:

Gallego Domínguez, O. (1988): La Organización administrativa territorial de la antigua provincia de Ourense a mediados del siglo XVIII, Ourense, Museo Arqueolóxico provincial.

Rio Barja, F.X. (1988): Cartografía xurisdiccional de Galicia no século XVIII, Santiago de Compostela, Consello da Cultura. (Dispoñible on-line).

Saavedra Fernández, P. (2008): “O entramado comunitario do campesiñado galego de mediados do XVI a comezos do XIX”, en A Patria enteira: homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández, pp. 867-894, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela.

-(2013): Demarcacións, topónimos, papeis, menoria. Sobre a división e o control do territorio na Galicia Moderna, A Coruña, Real Academia Galega. (Dispoñible on-line).

Eiras Roel, A. (1997): “El régimen señorial en Galicia a finales de la Edad Moderna: Evaluación”, Obradoiro de Historia Moderna. nº 7, pp. 7-46. (Dispoñible on-line).

Pumar Diéguez, Mª B. (2013): “Los cotos de la dignidad episcopal a finales del siglo XVII”, Diversarum rerum, nº 8, pp. 73-88. (Dispoñible on-line).

Rubio Pérez, L. (2009a): El concejo, Biblioteca Leonesa de Tradiciones, León.

  • (2009b): “La gestión del Común”, Biblioteca Leonesa de Tradiciones, León.

(2008): “O entramado comunitario do campesiñado galego de mediados do XVI a comezos do XIX”, en A Patria enteira: homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández, pp. 867-894, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela.

Scott, J.C. (2013): Elogio del Anarquismo, Crítica, Barcelona.

[1] Do ascendente que disfrutaba a familia Tejada na Baixa Limia non caibe dúbida. As dimensións do seu pazo en Mugueimes, no que a ben seguro residía este persoeiro deixan constancia do seu poder adquisitivo. Ademáis diso, dispuñan de outras posesións deste estilo, como unha casa forte con capela en Xeás, lugar da parroquia de Torno. Orixinaria das terras de Calvos de Randín, sobre a súa destacada posición social e económica xa deixa constancia o abade Pedro González de Ulloa en 1776.

 

Autor: Cristian Oliveira Brito

Esta entrada foi publicada en Concellos, Historia, Muiños. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*