LOBEIRA UN CONCELLO CON HISTORIA DE SEU

Xa abordamos nesta páxina a cuestión da organización política vixente na Baixa Limia ata a Revolución Liberal no século XIX. Na nosa comarca existía unha tupida rede de xurisdicións señoriais de orixe medieval que eran o primeiro banzo da escaleira da administración civil que se erguía sobre a cabeza do pobo limián. Estas xurisdicións estaban controladas por poderes de diversa natureza: nobiliar, en forma de grandes casas como a de Monterrei ou a de Lemos; eclesiástico, baixo a tutela de bispos ou mosteiros, da propia monarquía, etc. Sen dúbida en Galicia o señor menos frecuente era o propio monarca, xa que eran poucas as xurisdicións que detentaba, e menos no rural, pero curiosamente a Baixa Limia será unha das comarcas galega nas que o poder señorial rexio teña maior presenza. E se hai unha área da nosa xeografía comarcal onde destacaba esa hexemonía política real era en Lobeira.

Esta preponderancia ten orixes medievais, concretamente en dúas institucións cuxa historia apenas se coñece, pero que é determinante para a nosa comarca. Referímonos ó mosteiro de San Martiño de Grou e ó antigo concello de Lobeira. Falemos en primeiro lugar do desaparecido cenobio. Semella que as súas orixes, como xeralmente acontece co monacato galego, se sitúa na reordenación do territorio que leva a cabo a monarquía “leonesa” no século X, en alianza coa nobreza local. Esta reordenación pasa pola entrega de grandes extensións de terra o clero regular, en base ás cales se fundan mosteiros masculinos e femininos. Así nace o convento de monxes agostiños de San Martiño de Grou, o cal tras diversas vicisitudes pasa a ter como patrón ó bispo de Ourense no século XII, o cal nomea o abade/prior que o debe rexer.

Este dereito de padroado pasa a mans dos reis de Castela no século XV, e dende entón seguirán outorgando o título de prior como cargo honorífico, a pesar de que xa non se rexistre funcionamento do mosteiro en canto a residencia de monxes. A pesar de todo, o prior do mosteiro segue exercendo como señor das terras que lle pertencían ó convento. Estas eran as das parroquias de San Martiño de Grou, Santa Cruz de Grou e San Bartolomeu da Fraga[1]. Baixo o seu padroado rexio, o mosteiro recibiu priores de moi diversa condición, todos alleos á terra na que se situaba, e que é de supoñer que a administraban dende a distancia.

Segundo o catastro de Ensenada, xa de sobra coñecido polos lectores habituais, o titular do priorado en 1753 era un tal Faustino Guerra, veciño da cidade de Ávila. A este personaxe non lle cabía maior potestade inmediata sobre os veciños que a de nomear as xustizas ordinarias, xa que non dispón do dereito de cobrar tributo señorial ningún. Neste caso trátase de Antonio Álvarez, veciño da freguesía de Santa Cruz de Grou, o cal exerce a súa potestade nas tres parroquias. Segundo as listas de testemuñas e declarantes no propio catastro tamén debía de existir un concello ben a nivel de xurisdición, ben a nivel de parroquia, xa que o citado xuíz afirma acompañarse de dúas testemuñas escollidas por el e o concello[2].

A finais do século XV sabemos que existíu un preito entre o concello de Lobeira e o mosteiro de Grou. Este concello (rexido polos seus veciños, como o de Entrimo), reclamáballe ó cenobio agostiño a posesión da aldea da Fraga e os seus montes circundantes. Esta reclamación é desestimada en primeira instancia polo provisor da diocese de Ourense en 1473, como tamén o foi a apelación dos de Lobeira ante o tribunal metropolitano da Sé compostelá en 1476. Este preito é interesante para a reconstrución do pasado político de Lobeira xa que ambas partes aportan documentación que apoie as súas reclamacións. Con todo, os tribunais episcopais fallan sempre a favor do mosteiro, en contra das reclamacións do concello de Lobeira, carentes de fundamento documental[3].

Con todo, este concello de Lobeira podía aportar unhas mínimas referencias oficiais sobre a súa orixe, xa que se remonta ó século XIII. En 1228 o rei de León e Galicia, Afonso VIII, concédelle foro ós veciños de Lobeira (igual que a outros núcleos de carácter urbano como Tui, A Coruña ou Baiona), para que exerzan a xustiza e señoríos sobre si mesmos sen intervención de poderes alleos á propia comunidade. Iniciase con este privilexio (do que se conserva unha copia en castelán do século XVI na Real Chancillería de Valladolid), a dilatada experiencia de goberno en man común do concello lobeirense, que incluía as actuais freguesías de San Vicente de Lobeira, San Xes de Vilariño e Santa Cristina de Montelongo.

A diferenza do concello entrimeño, o de Lobeira si que conta con referencia documentais sólidas que nos permiten coñecer o seu organigrama e funcionamento[4]. Así contamos cun documento das sesións do ano 1753. Escrita por man do escribán Gonzalo Rodríguez, afincado en Santa Comba de Bande, abarca o período que comprende xaneiro e agosto do dito ano. En total teñen lugar dez sesións; unha por cada mes do ano, celebrada a día 10 e coincidente coa feira local para fixar o prezo do viño no dito mercado. Outra está datada no 10 de maio dese ano, no que o procurador xeral solicita que se lle aproben dúas partidas de gastos. Por último, a día 30 de xullo ten lugar unha nova asemblea, en que se fixan os prezos de todos os produtos cos que se comercia na feira durante o ano.

Como vemos os asuntos cotiáns son os que priman, especialmente a taxación de prezos. Deste xeito o concello velaba por que as transaccións se efectuaran dentro dun orde preestablecido. Ademais destas atribucións o concello de Lobeira impartía xustiza, con competencias que abranguían dende as disputas por lindeiros e dereitos de paso sobre predios rústicos a casos de homicidio. Tamén era competencia deste concello, como acontece cos casos xa citados de Lobios e Entrimo, a administración das obrigas fiscais. Así debía facer fronte ó pago das contribucións habituais, que ascendían a 8320 reais, incluídos 1500 debidos ó monarca polo privilexio rexio de celebrar un mercado mensual. A pesares desta obriga, pódese dicir que a feira era unha fonte saneada de ingresos para o concello, xa que o seu abasto era poxado anualmente ó mellor postor –este caso un veciño de Baldemir. O importe total en 1753 era de 5000 reais, o cal deixaba unha ganancia líquida de 3500 reais que se podían destinar a satisfacer as demais obrigas fiscais.

Polo demais, o concello de Lobeira constaba da mesma composición que o de Entrimo xa descrito. Estaba encabezado por un “juez, cabo, capitán y caudillo”, seguido dun procurador xeral e cinco rexedores. Todos eran electos pola corporación saínte, e o dito acto de elección tiña lugar o 6 de xaneiro. Estes xestores debían velar polo cumprimento do arriba mencionado, así como do mantemento da integridade territorial do concello. Así sabemos que existe unha revisión de límites cos rexedores da freguesía de San Mamede de Grou[5], que ten lugar no ano 1746 e no que se enumeran e aceptan as os límites fixados de antigo e se recordan as multas que deben pagar os donos das veceiras de gando que traspoñan o límite da localidade oposta. Polo tanto, semella evidente que a protección do espazo propio é unha das tarefas esenciais do concello.

Un concello destas características, cun carácter que mesmo podíamos definir de democrático, próximo ós habitantes que se amparaban baixo os seus privilexios, non podía ser menos que visto como unha verdadeira regalía polos seus veciños. No seu interior gozaban de inmunidade xudicial[6] e os veciños podían rexer os seus propios asuntos sen intervención de poderes foráneos. Polo tanto, esta institución era defendida con vehemencia polos seus integrantes, que serían definidos do seguinte xeito polo abade Pedro González de Ulloa: “[Os habitantes] del Bastón de Lobera, son (…) indómitos y montaraces: para la defensa y apoyo de sus regalías no hay catalanes y vizcaínos que les igualen”. Só así, mediante a unión dos seus veciños, se pode explicar a persistencia ó longo dos séculos dunha institución de autogorberno propia de campesiños con pouca e ningunha instrución, ameazados como estiveron sempre pola sombra de nobres tiránicos, abades cobizosos e monarcas lonxanos pouco dispostos a arriscar nada na defensa dos seus vasalos.

Este concello de Lobeira, igual que todas as realidades administrativas que levamos descritas, viría a desaparecer coa aplicación do Estatuto Real de 1834 e a liquidación da administración propia do Antigo Réxime, que sería remprazada pola maquinaria burocrática estatal que hoxe en día coñecemos.

 

  • Documentos de arquivo:

Archivo General de Simancas, Catastro de Ensenada, Respuestas Generales, Libro 215, páxina 451 e seguintes.

Este arquivo ten colgada na páxina Portal de Archivos Españoles (PARES) diversa información da Chancelería de Valladolid, incluídas as Respostas Xerais ó Catastro de Ensenada.

Arquivo Provincial de Ourense:

Fondo Municipal: AHPOu, Concello de Lobeira, C. 529/2

  • Libros:

Olga Gallego Domínguez (1988): La Organización administrativa territorial de la antigua provincia de Ourense a mediados del siglo XVIII, Ourense, Museo Arqueolóxico provincial.

Francisco Xavier Rio Barja (1988): Cartografía xurisdiccional de Galicia no século XVIII, Santiago de Compostela, Consello da Cultura. (Dispoñible on-line).

Pegerto Saavedra Fernández (2008): “O entramado comunitario do campesiñado galego de mediados do XVI a comezos do XIX”, en A Patria enteira: homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández, pp. 867-894, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela.

-(2013): Demarcacións, topónimos, papeis, menoria. Sobre a división e o control do territorio na Galicia Moderna, A Coruña, Real Academia Galega. (Dispoñible on-line).

Antonio Eiras Roel (1997): “El régimen señorial en Galicia a finales de la Edad Moderna: Evaluación”, Obradoiro de Historia Moderna. nº 7, pp. 7-46. (Dispoñible on-line).

Mª Belén Pumar Diéguez (2013): “Los cotos de la dignidad episcopal a finales del siglo XVII”, Diversarum rerum, nº 8, pp. 73-88. (Dispoñible on-line).

Rubio Pérez, L. (2009a): El concejo, Biblioteca Leonesa de Tradiciones, León.

  • (2009b): “La gestión del Común”, Biblioteca Leonesa de Tradiciones, León.

(2008): “O entramado comunitario do campesiñado galego de mediados do XVI a comezos do XIX”, en A Patria enteira: homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández, pp. 867-894, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela.

[1] Estas parroquias víronse alteradas na súa entidade co paso do tempo, e non convén estenderse moito aquí na descrición da súa historia. Só diremos que comprendían os mesmos lugar que hoxe en día, coa excepción do lugar do Valoiro, na altura integrado na freguesía de San Salvador de Torno e no couto de San Mamede de Grou. Pola contra, ademais do lugar de Cabaleiros, onde se situaba o mosteiro, a parroquia de San Martiño de Grou tamén comprendía o lugar de Fradalbite, hoxe pertencente a San Trocado de Santa Comba.

[2] Seguramente se trate de concellos parroquiais, xa que as testemuñas son diferentes para cada unha das parroquias.

[3] Sobre este aspecto e o foro fundacional de Lobeira véxase Leza Tello, P. e Pérez Formoso, P. (2016).

[4] Estas referencias obtivémolas do fondo documental do concello de Lobeira que se conserva no Arquivo Provincial de Ourense, por ser depositado alí por Xaquín Lorenzo Fernández, “Xocas”.

[5] Este acto documentado pode acharse no protocolo correspondente ó ano 1746 do notario Martón Rodríguez, do couto de Grou, depositado no Arquivo Provincial de Ourense

[6] Moi similar á do Couto Mixto, aínda que neste caso non existía imunidade fiscal.

 

Autor: Cristian Oliveira Brito

Esta entrada foi publicada en Historia, Lobeira. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*