Administración señorial no actual municipio de Lobios

Xa fixemos nesta páxina unha pequena introducción sobre a historia de Entrimo e do seu pasado institucional, faremos agora unha pequena achega sobre Lobios. A diferenza do concello limítrofe, as terras do actual Lobios estaban divididas nun mosaico de xurisdicións e coutos, os cales estaban totalmente desligados entre si e non compartían ningún vínculo en común. Estas demarcacións eran as seguintes: as xurisdicións de Manín ou Trasportela, Riocaldo, Lobios, Araúxo e os coutos de Xendive e San Mamede de Grou.

As xurisdicións de Riocaldo, Manín-Trasportela e Lobios pertencían todas ó bispo de Ourense, o cal puña xustiza neles, igual que o conde de Ribadavia e os veciños de Entrimo sobre si. Estas xurisdicións, igual que algunha mais en Lobios, tiña unha característica peculiar, e é que eran arrendadas en conxunto con todo o que contiñan (terras de labranza, montes, augas, camiños, etc) ós seus habitantes. A finais do século XVII estaban arrendadas nun total de 9900 reais, ós cales se lles rebaixaban 1100 polo caracter fronteirizo destas terras e as perdas ocasionadas polos conflitos co país veciño. En 1753 sabemos que os veciños de Manín pagaban 3680 reais ó bispo, e que ademais satisfacían outros 370 polo uso dunha barca para cruzar o Limia e outros 40 en concepto de lutuosa[1]. Pola súa banda os veciños de Riocaldo sabemos que satisfacían 20 reais neste último concepto e os de Lobios 15. Os límites destas xurisdicións eran coincidentes coas respectivas parroquias, coa diferenza de que a aldea de Quintela, hoxe pertencente a San Lourenzo de A Illa, nalquela altura formaba parte da parroquia de San Salvador de Manín. Santa María do Val de Riocaldo mantiña na altura os mesmos límites que hoxe en día e San Miguel de Lobios, a pesar das modificacións da extensión parroquial, a xurisdición aquela altura correspondía coa parroquia actual. A pesar de pertencer ó mesmo señor cada parroquia recibía xustiza por separado, de xeito que en Manín existía un xuiz con 50 reais de retribución, en Riocaldo outro co mesmo estipendio, mentres que en Lobios atopamos un xuíz e meiriño, con 30 reais de salario cada un.

No que á xurisdición de Araúxo se refire, esta estaba formada polas parroquias de San Martiño e San Paio de Araúxo, Santa María de A Cela e os lugares de Ganceiros e Xeás –mixto da parroquia de San Salvador de Torno e San Martiño de Araúxo o primeiro e pertencente a Torno o segundo-. O señorío da devandita xurisdición correspondía ó conde de Monterrei, o cal contaba cun albalá[2] datado en 1417 e outorgado por Xoán II de Castela no que se lle concedía tal dereito sobre esas terras. O condado de Monterrei era un dos estados nobiliarios mais importantes de toda Galicia, xa que abranguía a maior parte do sur e centro da provincia de Ourense, polo tanto non podía deixar de ter presenza na comarca. Segundo o abade limián Pedro González de Ulloa, que realizou unha descripción dos estados da casa de Monterrei, a xurisdición de Araúxo era administrada dende Rairiz de Veiga, cabeza dunha das xurisdicións mais importantes desa casa. Cara mediados do século XVIII segrégase a administración da xurisdición de Araúxo da de Rairiz e é dotada a primeira dun xuíz propio. Os veciños da propia xurisdición non pagan cantidade algunha por dereito de señorío, pero dispón o conde de duas fontes de ingresos: a quinta e o dereito de cobro dunha portaxe ós transeuntes da ponte sobre o Macaco (chamado Albarosa na documentación da altura), sitas no lugar ó que deron nome. Esta quinta supoñemos que non será outra que a que aínda permanece en pé e se coñece como Casa do Aceite. Segundo o abade González de Ulloa, esta finca tíñaa aforada dende tempos antigos a casa de Valdés á de Monterrei xunto co dereito de portaxe[3]. Segundo o catastro xa citado no artigo anterior o conde de Monterrei recibía 2 ducados, e os da casa de Valdés tiñan dereito de cobrar 2 maravedís a calquera viandante e 8 por cabeza de gando que transitara pola ponte[4]. Por último citar que o lugar de Xeás está illado do corpo principal da xurisdición, e que alí tiña asento a casa dos Tejada, de moito ascendente na contorna. Segundo as visitas pastorais[5] esta familia dispuña dunha casa forte, a cal contaba cunha capela, que tiña por advocación a Santo Tomé. Cando a familia abandone a residencia no século XIX, o bispo Dámaso Iglesias Lago mandará derrubala en 1832 por considerar que o seu estado de ruína era indigno para un templo no que se debera oficiar o sacrificio do altar. Esta xurisdición que describimos contaba cun xuíz en cada parroquia que a formaba, sendo retribuído o de San Martiño con 150 reais, o de San Paio con 200 e o da Cela con 50 reais[6].

Unha vez visto que Ganceiros e Xeás pertencían ós condes de Monterrei, debemos aclarar o que acontecía co resto de lugares. Os lugares ó norte do Limia pertencían ó couto de San Mamede de Grou, mentres que os lugares de Torno –ubicación da reitoral e a igrexa parroquial- e Xendive formaban un couto sobre si mesmos. Este debía ser un couto redondo ó igual que as terras do bispo xa descritas, posto que ambos lugares pagan unha renda anual de 1650 reais ós titulares da xurisdición[7]. Ademais deste capítulo de ingresos, dspuña o señor do costume de cobrar lutuosas á morte dos veciños, que importaban uns 15 reais anuais. Ademais disto, por suposto tamén nomeaba xuíz no couto, o cal contaba con 50 reais de retribución polos seus servizos. Na altura en que foi realizado o catastro de Ensenada o titutlar do dito couto era a familia Araújo Vasconcelos, residente na cidade de Braga. A día de hoxe, aída estamo seguindolle a pista a esta casa nobiliar, a cal probablemente teña o seu solar nas terras da nosa comarca e estexa vinculada coa familia vinculada ó pazo aínda existente na parroquia de Lobios.

Para concluír, diremos algunhas palabras do couto de Grou. Este incluía como xa dixemos a parroquia de San Mamede e os demais lugares da Herdadiña. O titular de dito couto era o mosteiro de San Salvador de Celanova, o cal cobraba 80 reais de lutuosa dos veciños cabeza de casa. Ademais disto, o abade do dito cenobio nomeaba xuíz e escribán de número para a administración de xustiza.

Como vemos, a pesar da existencia dunha rede administrativa de índole señorial, a base das estruturas ás que se apelaba á hora de articular estas e de describir o territorio eran as de maior raigame entre os habitantes. Falamos neste caso da parroquia, xa que se ben en certos casos existían freguesías agrupadas pertencentes a un mesmo señor, estas non compartían organismos comúns, como se pode desprender da descrición realizada da xurisdición de Araúxo e as tres parroquias pertencentes ó episcopado. Este non deixa de ser unha das pautas do “diálogo” permanente da veciñanza cos poderes alleos ó seu dominio, xa que sendo a parroquia entidades con xurisdicións moi ben delimitadas e asumidas polos veciños, a calquera poder que intentase impoñerse dende o exterior ben seguro que lle resultase mimetizarse co entorno local.

 

 

[1] Xa vimos na anterior publicación sobre Entrimo que se trata dun tributo de índole señorial que debe pagar todo vasalo ó falecer o cabeza de casa en forma da mellor alfaia da casa.

[2] Tipo de cédula real que se outorgaba no Medievo polos monarcas de Castela e León.

[3] O foro era un contrato de arrendamento propio do noroeste da península ibérica. Os seus termos xeralmente permitían a un propietario dun ben cedelo de xeito temporal (usualmente por varias vidas) ou perpetuo. A súa duración inusualmente longa e a certeza de posesión que representaba para o arrendatario, permitíu que se formase en Galicia durante a Idade Media e Moderna unha clase de pequenos labregos que se ben non eran propietarios, podían considerarse como tales mentres pagaran as rendas estipuladas nos ditos contratos de foro.

[4] 1 ducado=11 reais=374 maravedís.

[5] Xiras de inspección das parroquias dunha diocese realizadas polo bispo ou algún representante nomeado por el.

[6] Os lugares de Ganceiros e Xeás recibían xustiza cos da parroquia de San Martiño.

[7] En teoría, esta cifra debía ser un quinto do produto de todos os froitos que colleitaban os seus veciños. O como se efectuaba o pago énos descoñecido, xa que poderían pagar todos unha cantidade fixa común, facerse cada veciño responsable dunha cifra concreta acorde á súa riqueza e responder do seu pago de forma solidaria ante os veciños, ou quizais o señor de xeito directo cobraba a cada veciño unha certa cantidade.

Os documentos orixinais e datos publicados sobre os que se asenta este post podense consultar facilmente. As súas refrencias son:

  • Documentos de arquivo:

Archivo General de Simancas, Catastro de Ensenada, Respuestas Generales, Libro 215, f. 415 e ss. (Araúxo, San Martiño; Araúxo San Paio, Cela e Xeás –Torno-); 215, f. 677 e ss. (Riocaldo); 216, f. 20 e ss. (San Mamede de Grou); 216, 661 e ss. (Manin) e 219, f. 684 e ss. (Lobios);

  • Bibliografía

Antonio Eiras Roel (1997): “El régimen señorial en Galicia a finales de la Edad Moderna: Evaluación”, Obradoiro de Historia Moderna. nº 7, pp. 7-46. (Dispoñible on-line).

Olga Gallego Domínguez (1988): La Organización administrativa territorial de la antigua provincia de Ourense a mediados del siglo XVIII, Ourense, Museo Arqueolóxico provincial.

José García Oro (2006): O condado de Monterrei no século XVI: estudio histórico e colección diplomática, Grupo Filatélico e Numismático, Noia.

Laureano Rubio Pérez (2009a): El concejo, Biblioteca Leonesa de Tradiciones, León.

  • (2009b): La gestión del Común, Biblioteca Leonesa de Tradiciones, León.

Mª Belén Pumar Diéguez (2013): “Los cotos de la dignidad episcopal a finales del siglo XVII”, Diversarum rerum, nº 8, pp. 73-88. (Dispoñible on-line).

Francisco Xavier Rio Barja (1988): Cartografía xurisdiccional de Galicia no século XVIII, Santiago de Compostela, Consello da Cultura. (Dispoñible on-line).

Pegerto Saavedra Fernández (2008): “O entramado comunitario do campesiñado galego de mediados do XVI a comezos do XIX”, en A Patria enteira: homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández, pp. 867-894, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela.

-(2013): Demarcacións, topónimos, papeis, menoria. Sobre a división e o control do territorio na Galicia Moderna, A Coruña, Real Academia Galega. (Dispoñible on-line).

 

Autor: Cristian Oliveira Brito

Esta entrada foi publicada en Historia, Lobios. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*