ENTRIMO A MEDIADOS DO SÉCULO XVIII

No século XVIII, coa chegada dos Borbóns, os reinos que conformaban a actual España van padecer unha serie de reformas coa expectativa de aumentar o control que o rei exerce sobre estes e incrementar os seus ingresos fiscais. No reinado de Fernando VI (1746-1759), o ministro marqués de Ensenada vai elaborar na coroa de Castela o primeiro catastro moderno de Europa, co fin de coñecer a riqueza do reino implantar un novo imposto xeral que unificase os anteriores (a Única Contribución). Realmente o catastro é moito mais que iso, xa que a información de que dispuña a Corte sobre o resto do país era mais ben escasa. Deste xeito, preparando o catastro propiamente dito e un censo paralelo (nin sequera se sabía exactamente cantos habitantes había nos reinos de Castela), realizáronse as chamadas Preguntas Generales. Estas eran corenta cuestións nas que se preguntaba polo nome da localidade (en Galicia o catastro elaborouse en base ás parroquias), quen era o seu señor, de que clase de obrigas tiñan con este, os rendementos das terras e do gando, o número de artesáns, comerciantes e profesionais os seus ingresos, os impostos que pagaban e o número de cregos e os ingresos de que dispuñan. Estas preguntas, respondidas ante un escribán polas autoridades locais permítennos coñecer de xeito exacto a realidade da vida administrativa, social e económica de calquera localidade da coroa de Castela, de xeito que vamos achegarnos a través delas á Baixa Limia.

A mediados do século XVIII, o territorio que hoxe en día coñecemos como concello de Entrimo presentaba unha faciana política e social moi diferente. Nalquela altura, antes de existir un orde constitucional e administrativo como o actual, o coñecido como Reino de Galicia dividíase en xurisdicións e coutos, que pertencían á nobreza e ó clero regular (mosteiros) e secular (bispos e catedrais) principalmente e cuxa orixe se debía a organización política feudal xurdida no Medievo. En Galicia, ó contrario que no resto de Castela e León, as terras que tiñan como señor ó propio rei eran moi escasas, sendo este o caso das cidades da Coruña e Betanzos e algunha vila como Baiona. No que se refiría a terras do rural, o monarca apenas contaba con algunhas parroquias na provincia de Ourense. Este é o caso de Santa María A Real de Entrimo[1]. Naquela altura a parroquia de Santa María tamén comprendía na súa extensión as de San Facundo de Pereira e San Fiz de Galéz[2], e xunto coa de San Tomé de Venceáns e San Lourenzo da Illa formaba a “jurisdicción y concejo” de Entrimo[3].

Este segundo nome de “y concejo” non se debe tomar á lixeira, xa que nalquela altura un concello era unha institución de autogoberno propia das vilas e cidades, e funcionaba entre outras cousas como un mecanismo institucional dos veciños para marcar distancias co poder señorial. Deste xeito, eran contadas as xurisdicións rurais que contaban cun concello recoñecido en Galicia, xa que se procurába estreitar o poder dos veciños para facelos mais “gobernables”. Xeralmente, no marco da Galicia da época o señor da xurisdición non residía no propio territorio[4], e o poder que lle correspondía como tal era o exercicio da xustiza, o cal delegaba nun xuíz nomeado por el. Este xeralmente era veciño do propio territorio, co cal coñecía de primeira man a realidade local. Pola contra, en Entrimo existía un xuíz co título de “Cabo, Capitán y Caudillo”, o cal era acompañado por un número descoñecido de rexedores. Esta corporación municipal exercía o cargo durante un ano completo, ó termo do cal, polo Ano Novo, nomeaban eles mesmos ó Cabo e ós rexedores que os habían de sustituír. Unha vez realizado o nomeamento envíabase testemuña escrita á Real Audiencia da Coruña e ó Capitán Xeral do Reino de Galicia, que exercía como representate do monarca no noso país. Este privilexio non só lles permitía ós veciños gobernar a súa cousa pública con autonomía doutros poderes, senón que lles garantía outros beneficios. Mentres que en toda Galicia de costume se pagaban tributos ós señores como as lutuosas, as fumaxes e demais dereitos de vasalaxe[5], en Entrimo estaban exentos de semellantes gravames, o cal, dada a escasa entidade da fiscalidade señorial[6], máis que nada garantíalle o non ter que recoñecer a ningún señor sobre si mesmos ademais do Rei.

Con todo, existía un núcleo que escapaba á autoridade do concello e a súa corporación, xa que no seu interior existía un pequeno couto pertencente ó conde de Ribadavia. Este non representaba unha extensión contínua da xeografía entrimeña, senón que comprendía o exercicio da xustiza sobre os veciños de algunhas aldeas[7]. En 1753 tratábase dun total de 115, dos cales 10 residían en Guxinde, 32 en Ferreiros, 48 na Illa, en Asperelo 19 e en “Las Quintas” 6[8]. Para administrar xustiza sobre aqueles sobre os dispuña de privilexio nomeaba o dito conde de Ribadavia[9] xuíz meiriño cada tres anos.

O porqué da existencia deste condado é complexo, pero está sobradamente documentado para poder expolo aquí de xeito claro. A finais do século XV o conde de Ribadavia, Bernardino Sarmiento, tentou apropiarse do señorío das terras de Entrimo. Alegando que lle pertencía a xurisdición civil e criminal da metade do territorio do actual Entrimo, quixo imporlle os seus vasalo un tributo de todo punto desorbitado[10]. Como medida defensiva, os veciños reclamaron ante a xustiza real especificando quenes eran os lexítimos señores e os privilexios dos que disfrutaran ata o momento, emprendendo así un ruidoso pleito co conde na Audiencia da Coruña. Segundo os demandantes, sempre escolleran por si mesmos o seu xuíz, sen que ninguén interferira na elección, ademais de ser vasalos do Monarca, o Mosteiro de Celanova e o de Feás de Eiras . Despois de anos de fallos e apelacións, por intervención real a Audiencia decidiu que un terzo da xurisdición sería para o conde, quedando en posesión do exercicio da xustiza sobre os lugares xa citados, pero restante quedaría en propiedade  da raíña Isabel a Católica, a par que se lles recoñecía os veciños os seus privilexios e se lles indemnizaban as costas do xuízo. Deste xeito, os veciños de Entrimo venceron a cobiza do conde conservando as súas vellas costumes.

En definitiva, o marco administrativo do Antigo Réxime difería en todo do actual, pero podemos atopar vestixios de institucións de autogoberno que existían na Baixa Limia dende a Idade Media, e que seguiran existindo como tales ata a implantación definitiva do réxime constitucional na rexencia de María Cristina (1833-1840) e a promulgación do Estatuto Real de 1834, que conleva a desaparición dos reinos medievais –entre eles o de Galicia- e a aparición das actuais provincias e concellos. Segundo defenderon sempre os antigos entrimeños, o privilexio do autogoberno fóralles concedido en 1228 polo rei Alfonso IX de León e Galicia, pero sexa verdade ou non, o certo é que sempre fixeron gala de defender os seus dereitos participativos dentro dun marco político opresivo, no que os principios rectores da política resumíanse en o “Deus o quere e o Rei o ordena”. Naqueles tempos, dentro dese orde tan desfavorable para eles, unha comunidade de veciños ben unidos e conscientes de que se non se facían oir eran esmagados, poideron facerse valer e ser respeitados por aqueles que os gobernaban.

1] De algures lle había de vir o apelativo de Real. Este tamén é o caso do mosteiro de Santa María A Real de Porqueira, que nesta altura era de padroado real.

[2] Ambas foran creadas posteriormente.

[3] Os concellos actuais formáronse por agregación de parroquias, co cal os seus límites actuais coinciden cos que presentaban estas parroquias naquel entón. Sobre o nome de A Illa, realmente singular e que non semella ter outro orixe que o significado propio da palabra, podemos afirmar que deriba de “villa”, xa que polo menos ata o século XV ese lugar denominábase “Villar de Lobos”.

[4] Os señorío era un poder moi concentrado, xa que na Baixa Limia existían en 1753 as 40 parroquias enmarcadas en 16 xurisdicións e coutos, pero só existían 9 propietarios destas, dada a acumulación de posesións por algún deles. O mellor exemplo é o bispo de Ourense, o cal exerce o señorío sobre as xurisdicións de Riocaldo, Lobios e Manín.

[5] A lutuosa era un imposto de índole señorial polo cal, á morte do cabeza de casa o seu señor tiña dereito levar a mellor alfaia da casa, xeralmente uha cabeza de gando. A fumaxe era un tributo que se pagaba por ter lume aceso na xurisdición do señor. Todos eles equivalen os impostos de vasalaxe.

[6] En xeral a súa importancia diminuíra dende a Idade Media. Así, salvo algunha excepción, na Baixa Limia non se pagaba máis dun real por veciño. O salario por un día de xornal oscilaba entre 2 e 3,5 reais, en función da parroquia.

[7] Naquela altura o termo veciño designaba a unha casa aberta e con lume aceso, independentemente do número de habitantes desta, e non a un individuo concreto.

[8] Probablemente se trate das Quintáns, lugar da parroquia de Galez, aínda que tamén pode que sexa A Quintán, lugar da parroquia de Entrimo.

[9] Nesa altura era 13º conde de Ribadavia Diego Sarmiento de Mendoza.

[10] Un carneiro adulto e un touciño, algo dificilmente tolerable para unha casa labrega daquela altura.

Os documentos orixinais e datos publicados sobre os que se asenta este post podense consultar facilmente. As súas refrencias son:

  • Documentos de arquivo:

Archivo General de Simancas, Catastro de Ensenada, Respuestas Generales, Libro 214, páxina 673 e seguintes.

Este arquivo ten colgada na páxina Portal de Archivos Españoles (PARES) diversa información da Chancelería de Valladolid, incluídas as Respostas Xerais ó Catastro de Ensenada.

  • Libros:

Olga Gallego Domínguez (1988): La Organización administrativa territorial de la antigua provincia de Ourense a mediados del siglo XVIII, Ourense, Museo Arqueolóxico provincial.

Manuel Nóvoa Blanco (1986): “Pleito entre los vecinos de Entrimo y el Conde de Ribadavia”, Boletín auriense, Tomo 14-15, pp. 263-280.

Francisco Xavier Rio Barja (1988): Cartografía xurisdiccional de Galicia no século XVIII, Santiago de Compostela, Consello da Cultura. (Dispoñible on-line).

Pegerto Saavedra Fernández (2008): “O entramado comunitario do campesiñado galego de mediados do XVI a comezos do XIX”, en A Patria enteira: homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández, pp. 867-894, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela.

-(2013): Demarcacións, topónimos, papeis, menoria. Sobre a división e o control do territorio na Galicia Moderna, A Coruña, Real Academia Galega. (Dispoñible on-line).

Antonio Eiras Roel (1997): “El régimen señorial en Galicia a finales de la Edad Moderna: Evaluación”, Obradoiro de Historia Moderna. nº 7, pp. 7-46. (Dispoñible on-line).

Mª Belén Pumar Diéguez (2013): “Los cotos de la dignidad episcopal a finales del siglo XVII”, Diversarum rerum, nº 8, pp. 73-88. (Dispoñible on-line).

Rubio Pérez, L. (2009a): El concejo, Biblioteca Leonesa de Tradiciones, León.

  • (2009b): “La gestión del Común”, Biblioteca Leonesa de Tradiciones, León.

(2008): “O entramado comunitario do campesiñado galego de mediados do XVI a comezos do XIX”, en A Patria enteira: homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández, pp. 867-894, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela.

Autor: Cristian Oliveira Brito

Esta entrada foi publicada en Entrimo, Historia. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*