Unha decisión nefasta para a Baixa Limia

Sr. presidente, despois de ler unhas manifestacións súas, do transcorrido 21 de decembro, de que non se vai mellorar a estrada autonómica OU-540, chego a unha conclusión: teno moi mal informado o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que para a nosa bisbarra está a ser nefasto nas actuacións medio ambientais (Parque Natural do Xurés), do territorio (solo empresarial) e infraestruturas (estrada OU-540). Chega con sinalar o exemplo do Plan de Solo Empresarial de Galicia, onde quere situar o parque correspondente á nosa comarca no Alto do Vieiro, a 9 kilómetros de Celanova (xa ten un parque) e a 30 kilómetros de Ourense (con varios parques) e afastado máis de 35 kilómetros dos núcleos para a que se supón está pensado.
Cita vostede que “hai algúns rexidores locais que plantexaron dificultades..”. Paréceme unha covardía refuxiarse nesta afirmación sen aportar ningún outro dato. Ou ben se trata dunha mentira curta, das que nacen sen pernas, ou, de ser certo, non se atreve vostede a nomear a ese ou eses patéticos personaxes opositores a mellora da estrada, porque sen dúbida poden ser “cabeciñas” da mesma hidra política, a súa ou similar, que está a engulir, coa nula capacidade de xestión administrativa, a nosa comarca.
Supoño, aínda que o anterior fora certo, que iso non frearía a súa disposición para a execución dunha infraestrutura que as Directrices de Ordenación do Territorio -DOT-, aprobadas polo seu Goberno en febreiro do ano 2011, consideran coma estratéxica para o fortalecemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Recalcando esas DOT que “A estratexia de futuro de Galicia pasa polo fortalecemento das grandes infraestruturas de conexión exterior” e que “as conexións mediante vías de altas prestacións cos espazos lindeiros constitúen infraestruturas fundamentais do modelo territorial.” Sr. presidente: ¿Considera agora, cando aínda non percorreron dous anos da aprobación das DOT, esgotada a súa proposta normativa de modelo territorial e a súa estratexia de futuro para Galicia?.
Sorpréndeme tamén -é un dicir- a súa referencia a que a estrada OU-540 “non ten neste momento a priorización dende o punto de vista de tráficos obxectivos”. Curioso que o presidente da discriminación positiva, que saíu reiteradamente na defensa – con toda a razón, entendemos- do AVE galego (deficitario economicamente e cun custe que multiplica o do resto do AVE peninsular), razoando a necesidade desas infraestruturas para artellar o territorio e o mesmo persoeiro que defendía o reparto dos fondos territoriais fundamentado non so na poboación, senón nos criterios do illamento, a dispersión ou o envellecemento, empregue agora os mesmos argumentos que rebatía para negarlle a unha das comarcas máis illadas, dispersa, envellecida e empobrecida de Galicia a mellora da principal vía de comunicación co exterior da que goza. Esa poboación, cos criterios que vostedes e outros gobernos estableceron para gardas médicas e farmacéuticas (curioso que nestes días algúns estéan a descubrir esta traxedia, cando nós levamos anos nela), ten que percorrer, día e noite, fora das horas de atención (luns a venres de 9 a 2) ata 90 ou 100 kilómetros (ida e volta), para a súa asistencia, e agora négaselle ata a posibilidade de mellorarlle a vía que percorren. O mesmo ocorre cos poucos mozos e rapaces que van quedando en canto o percorrido para a súa escolarización e, nun futuro moi próximo, para toda a poboación coa supresión dos xulgados que se aveciña. Nunha comarca onde a súa orografía impide a existencia doutros medios de transporte que non sexan polas estradas, o dispor cando menos dunha vía en aceptables condicións non pode ser un capricho, senón a única posibilidade dunha existencia que nos afaste da situación na que se desenvolve a vida no terceiro mundo.
De todos os xeitos, e concretando, estamos a falar duns 13 millóns de euros, con moito do traballo xa feito (os proxectos e as expropiacións). Eses cartos ben os produce a nosa bisbarra, porque os nomeados fondos obtéñense tamén pola nosa dispersión, illamento, envellecemento e empobrecemento. Ademais, ¿cantos cartos consegue a Xunta de Galicia, directa ou indirectamente, de fondos internacionais, europeos ou estatais, por dispor no seu territorio da Reserva Internacional da Biosfera Gerês-Xurés , o parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés e á abundancia de elementos naturais ( LIC e Zepa´s), patrimoniais (Vía Nova) e culturais de grande valor?.
Resístome a crer que a nosa comarca so estea para acadar espazos naturais para presunción de políticos en visita publicitaria á zoa. Ou para soportar grandes infraestruturas hidroeléctricas –macro-centrais e “autoestradas eléctricas”- coma o encoro de Lindoso ( 634 megavatios), do que ata agora nin o Concello de Lobios nin o de Entrimo ven un can do IBI por propiedades de características especiais, sen que o Estado, a Xunta ou a Deputación se preocupen de que o obteñan ou compensalos por esa perda. Tamén o caso da nova macro-central reversible dos encoros Salas-As Conchas, xa proxectada e de próxima construcción (380 megavatios), que multiplicará a súa rendibilidade económica – ademais de ampliar a concesión – , sen que, coma sempre, vexamos nada economicamente rendible para a comarca, nin sequera a garantía da eliminación, dunha vez por todas, da terrible e preocupante contaminación por cianobacterias que ven sufrindo o río Limia o seu paso pola nosa comarca, e que agora, coas novas obras, ameaza con alongarse ó río Salas e o Parque Natural.
Non pode ser, que esta bisbarra so se teña en conta para beneficio da Xunta e outras administracións en canto a explotación e espolio dos seus recursos naturais, ou o aproveitamento das súas depauperadas condicións económicas e sociais para recadar fondos, e ditos fondos veñan sendo destinados sempre, esquecéndose dos vecinos da Baixa Limia, para as zonas máis favorecidas de Galicia.

Fonte: http://www.laregion.es/opinion/16824/27878/

Esta entrada foi publicada en Noticias nos Xornais. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*