Administración señorial no actual municipio de Lobios

Xa fixemos nesta páxina unha pequena introducción sobre a historia de Entrimo e do seu pasado institucional, faremos agora unha pequena achega sobre Lobios. A diferenza do concello limítrofe, as terras do actual Lobios estaban divididas nun mosaico de xurisdicións e coutos, os cales estaban totalmente desligados entre si e non compartían ningún vínculo en común. Estas demarcacións eran as seguintes: as xurisdicións de Manín ou Trasportela, Riocaldo, Lobios, Araúxo e os coutos de Xendive e San Mamede de Grou.

As xurisdicións de Riocaldo, Manín-Trasportela e Lobios pertencían todas ó bispo de Ourense, o cal puña xustiza neles, igual que o conde de Ribadavia e os veciños de Entrimo sobre si. Estas xurisdicións, igual que algunha mais en Lobios, tiña unha característica peculiar, e é que eran arrendadas en conxunto con todo o que contiñan (terras de labranza, montes, augas, camiños, etc) ós seus habitantes. A finais do século XVII estaban arrendadas nun total de 9900 reais, ós cales se lles rebaixaban 1100 polo caracter fronteirizo destas terras e as perdas ocasionadas polos conflitos co país veciño. En 1753 sabemos que os veciños de Manín pagaban 3680 reais ó bispo, e que ademais satisfacían outros 370 polo uso dunha barca para cruzar o Limia e outros 40 en concepto de lutuosa[1]. Pola súa banda os veciños de Riocaldo sabemos que satisfacían 20 reais neste último concepto e os de Lobios 15. Os límites destas xurisdicións eran coincidentes coas respectivas parroquias, coa diferenza de que a aldea de Quintela, hoxe pertencente a San Lourenzo de A Illa, nalquela altura formaba parte da parroquia de San Salvador de Manín. Santa María do Val de Riocaldo mantiña na altura os mesmos límites que hoxe en día e San Miguel de Lobios, a pesar das modificacións da extensión parroquial, a xurisdición aquela altura correspondía coa parroquia actual. A pesar de pertencer ó mesmo señor cada parroquia recibía xustiza por separado, de xeito que en Manín existía un xuiz con 50 reais de retribución, en Riocaldo outro co mesmo estipendio, mentres que en Lobios atopamos un xuíz e meiriño, con 30 reais de salario cada un.

No que á xurisdición de Araúxo se refire, esta estaba formada polas parroquias de San Martiño e San Paio de Araúxo, Santa María de A Cela e os lugares de Ganceiros e Xeás –mixto da parroquia de San Salvador de Torno e San Martiño de Araúxo o primeiro e pertencente a Torno o segundo-. O señorío da devandita xurisdición correspondía ó conde de Monterrei, o cal contaba cun albalá[2] datado en 1417 e outorgado por Xoán II de Castela no que se lle concedía tal dereito sobre esas terras. O condado de Monterrei era un dos estados nobiliarios mais importantes de toda Galicia, xa que abranguía a maior parte do sur e centro da provincia de Ourense, polo tanto non podía deixar de ter presenza na comarca. Segundo o abade limián Pedro González de Ulloa, que realizou unha descripción dos estados da casa de Monterrei, a xurisdición de Araúxo era administrada dende Rairiz de Veiga, cabeza dunha das xurisdicións mais importantes desa casa. Cara mediados do século XVIII segrégase a administración da xurisdición de Araúxo da de Rairiz e é dotada a primeira dun xuíz propio. Os veciños da propia xurisdición non pagan cantidade algunha por dereito de señorío, pero dispón o conde de duas fontes de ingresos: a quinta e o dereito de cobro dunha portaxe ós transeuntes da ponte sobre o Macaco (chamado Albarosa na documentación da altura), sitas no lugar ó que deron nome. Esta quinta supoñemos que non será outra que a que aínda permanece en pé e se coñece como Casa do Aceite. Segundo o abade González de Ulloa, esta finca tíñaa aforada dende tempos antigos a casa de Valdés á de Monterrei xunto co dereito de portaxe[3]. Segundo o catastro xa citado no artigo anterior o conde de Monterrei recibía 2 ducados, e os da casa de Valdés tiñan dereito de cobrar 2 maravedís a calquera viandante e 8 por cabeza de gando que transitara pola ponte[4]. Por último citar que o lugar de Xeás está illado do corpo principal da xurisdición, e que alí tiña asento a casa dos Tejada, de moito ascendente na contorna. Segundo as visitas pastorais[5] esta familia dispuña dunha casa forte, a cal contaba cunha capela, que tiña por advocación a Santo Tomé. Cando a familia abandone a residencia no século XIX, o bispo Dámaso Iglesias Lago mandará derrubala en 1832 por considerar que o seu estado de ruína era indigno para un templo no que se debera oficiar o sacrificio do altar. Esta xurisdición que describimos contaba cun xuíz en cada parroquia que a formaba, sendo retribuído o de San Martiño con 150 reais, o de San Paio con 200 e o da Cela con 50 reais[6].

Unha vez visto que Ganceiros e Xeás pertencían ós condes de Monterrei, debemos aclarar o que acontecía co resto de lugares. Os lugares ó norte do Limia pertencían ó couto de San Mamede de Grou, mentres que os lugares de Torno –ubicación da reitoral e a igrexa parroquial- e Xendive formaban un couto sobre si mesmos. Este debía ser un couto redondo ó igual que as terras do bispo xa descritas, posto que ambos lugares pagan unha renda anual de 1650 reais ós titulares da xurisdición[7]. Ademais deste capítulo de ingresos, dspuña o señor do costume de cobrar lutuosas á morte dos veciños, que importaban uns 15 reais anuais. Ademais disto, por suposto tamén nomeaba xuíz no couto, o cal contaba con 50 reais de retribución polos seus servizos. Na altura en que foi realizado o catastro de Ensenada o titutlar do dito couto era a familia Araújo Vasconcelos, residente na cidade de Braga. A día de hoxe, aída estamo seguindolle a pista a esta casa nobiliar, a cal probablemente teña o seu solar nas terras da nosa comarca e estexa vinculada coa familia vinculada ó pazo aínda existente na parroquia de Lobios.

Para concluír, diremos algunhas palabras do couto de Grou. Este incluía como xa dixemos a parroquia de San Mamede e os demais lugares da Herdadiña. O titular de dito couto era o mosteiro de San Salvador de Celanova, o cal cobraba 80 reais de lutuosa dos veciños cabeza de casa. Ademais disto, o abade do dito cenobio nomeaba xuíz e escribán de número para a administración de xustiza.

Como vemos, a pesar da existencia dunha rede administrativa de índole señorial, a base das estruturas ás que se apelaba á hora de articular estas e de describir o territorio eran as de maior raigame entre os habitantes. Falamos neste caso da parroquia, xa que se ben en certos casos existían freguesías agrupadas pertencentes a un mesmo señor, estas non compartían organismos comúns, como se pode desprender da descrición realizada da xurisdición de Araúxo e as tres parroquias pertencentes ó episcopado. Este non deixa de ser unha das pautas do “diálogo” permanente da veciñanza cos poderes alleos ó seu dominio, xa que sendo a parroquia entidades con xurisdicións moi ben delimitadas e asumidas polos veciños, a calquera poder que intentase impoñerse dende o exterior ben seguro que lle resultase mimetizarse co entorno local.

 

 

[1] Xa vimos na anterior publicación sobre Entrimo que se trata dun tributo de índole señorial que debe pagar todo vasalo ó falecer o cabeza de casa en forma da mellor alfaia da casa.

[2] Tipo de cédula real que se outorgaba no Medievo polos monarcas de Castela e León.

[3] O foro era un contrato de arrendamento propio do noroeste da península ibérica. Os seus termos xeralmente permitían a un propietario dun ben cedelo de xeito temporal (usualmente por varias vidas) ou perpetuo. A súa duración inusualmente longa e a certeza de posesión que representaba para o arrendatario, permitíu que se formase en Galicia durante a Idade Media e Moderna unha clase de pequenos labregos que se ben non eran propietarios, podían considerarse como tales mentres pagaran as rendas estipuladas nos ditos contratos de foro.

[4] 1 ducado=11 reais=374 maravedís.

[5] Xiras de inspección das parroquias dunha diocese realizadas polo bispo ou algún representante nomeado por el.

[6] Os lugares de Ganceiros e Xeás recibían xustiza cos da parroquia de San Martiño.

[7] En teoría, esta cifra debía ser un quinto do produto de todos os froitos que colleitaban os seus veciños. O como se efectuaba o pago énos descoñecido, xa que poderían pagar todos unha cantidade fixa común, facerse cada veciño responsable dunha cifra concreta acorde á súa riqueza e responder do seu pago de forma solidaria ante os veciños, ou quizais o señor de xeito directo cobraba a cada veciño unha certa cantidade.

Os documentos orixinais e datos publicados sobre os que se asenta este post podense consultar facilmente. As súas refrencias son:

  • Documentos de arquivo:

Archivo General de Simancas, Catastro de Ensenada, Respuestas Generales, Libro 215, f. 415 e ss. (Araúxo, San Martiño; Araúxo San Paio, Cela e Xeás –Torno-); 215, f. 677 e ss. (Riocaldo); 216, f. 20 e ss. (San Mamede de Grou); 216, 661 e ss. (Manin) e 219, f. 684 e ss. (Lobios);

  • Bibliografía

Antonio Eiras Roel (1997): “El régimen señorial en Galicia a finales de la Edad Moderna: Evaluación”, Obradoiro de Historia Moderna. nº 7, pp. 7-46. (Dispoñible on-line).

Olga Gallego Domínguez (1988): La Organización administrativa territorial de la antigua provincia de Ourense a mediados del siglo XVIII, Ourense, Museo Arqueolóxico provincial.

José García Oro (2006): O condado de Monterrei no século XVI: estudio histórico e colección diplomática, Grupo Filatélico e Numismático, Noia.

Laureano Rubio Pérez (2009a): El concejo, Biblioteca Leonesa de Tradiciones, León.

  • (2009b): La gestión del Común, Biblioteca Leonesa de Tradiciones, León.

Mª Belén Pumar Diéguez (2013): “Los cotos de la dignidad episcopal a finales del siglo XVII”, Diversarum rerum, nº 8, pp. 73-88. (Dispoñible on-line).

Francisco Xavier Rio Barja (1988): Cartografía xurisdiccional de Galicia no século XVIII, Santiago de Compostela, Consello da Cultura. (Dispoñible on-line).

Pegerto Saavedra Fernández (2008): “O entramado comunitario do campesiñado galego de mediados do XVI a comezos do XIX”, en A Patria enteira: homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández, pp. 867-894, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela.

-(2013): Demarcacións, topónimos, papeis, menoria. Sobre a división e o control do territorio na Galicia Moderna, A Coruña, Real Academia Galega. (Dispoñible on-line).

 

Autor: Cristian Oliveira Brito

Publicado en Historia, Lobios | Deixa un comentario

Escrito a Delegación da Xunta pola Estrada OU-540

Publicado en Alegacións-Escritos presentados por PLABALI, Autoestrada - OU-540 | Deixa un comentario

ENTRIMO A MEDIADOS DO SÉCULO XVIII

No século XVIII, coa chegada dos Borbóns, os reinos que conformaban a actual España van padecer unha serie de reformas coa expectativa de aumentar o control que o rei exerce sobre estes e incrementar os seus ingresos fiscais. No reinado de Fernando VI (1746-1759), o ministro marqués de Ensenada vai elaborar na coroa de Castela o primeiro catastro moderno de Europa, co fin de coñecer a riqueza do reino implantar un novo imposto xeral que unificase os anteriores (a Única Contribución). Realmente o catastro é moito mais que iso, xa que a información de que dispuña a Corte sobre o resto do país era mais ben escasa. Deste xeito, preparando o catastro propiamente dito e un censo paralelo (nin sequera se sabía exactamente cantos habitantes había nos reinos de Castela), realizáronse as chamadas Preguntas Generales. Estas eran corenta cuestións nas que se preguntaba polo nome da localidade (en Galicia o catastro elaborouse en base ás parroquias), quen era o seu señor, de que clase de obrigas tiñan con este, os rendementos das terras e do gando, o número de artesáns, comerciantes e profesionais os seus ingresos, os impostos que pagaban e o número de cregos e os ingresos de que dispuñan. Estas preguntas, respondidas ante un escribán polas autoridades locais permítennos coñecer de xeito exacto a realidade da vida administrativa, social e económica de calquera localidade da coroa de Castela, de xeito que vamos achegarnos a través delas á Baixa Limia.

A mediados do século XVIII, o territorio que hoxe en día coñecemos como concello de Entrimo presentaba unha faciana política e social moi diferente. Nalquela altura, antes de existir un orde constitucional e administrativo como o actual, o coñecido como Reino de Galicia dividíase en xurisdicións e coutos, que pertencían á nobreza e ó clero regular (mosteiros) e secular (bispos e catedrais) principalmente e cuxa orixe se debía a organización política feudal xurdida no Medievo. En Galicia, ó contrario que no resto de Castela e León, as terras que tiñan como señor ó propio rei eran moi escasas, sendo este o caso das cidades da Coruña e Betanzos e algunha vila como Baiona. No que se refiría a terras do rural, o monarca apenas contaba con algunhas parroquias na provincia de Ourense. Este é o caso de Santa María A Real de Entrimo[1]. Naquela altura a parroquia de Santa María tamén comprendía na súa extensión as de San Facundo de Pereira e San Fiz de Galéz[2], e xunto coa de San Tomé de Venceáns e San Lourenzo da Illa formaba a “jurisdicción y concejo” de Entrimo[3].

Este segundo nome de “y concejo” non se debe tomar á lixeira, xa que nalquela altura un concello era unha institución de autogoberno propia das vilas e cidades, e funcionaba entre outras cousas como un mecanismo institucional dos veciños para marcar distancias co poder señorial. Deste xeito, eran contadas as xurisdicións rurais que contaban cun concello recoñecido en Galicia, xa que se procurába estreitar o poder dos veciños para facelos mais “gobernables”. Xeralmente, no marco da Galicia da época o señor da xurisdición non residía no propio territorio[4], e o poder que lle correspondía como tal era o exercicio da xustiza, o cal delegaba nun xuíz nomeado por el. Este xeralmente era veciño do propio territorio, co cal coñecía de primeira man a realidade local. Pola contra, en Entrimo existía un xuíz co título de “Cabo, Capitán y Caudillo”, o cal era acompañado por un número descoñecido de rexedores. Esta corporación municipal exercía o cargo durante un ano completo, ó termo do cal, polo Ano Novo, nomeaban eles mesmos ó Cabo e ós rexedores que os habían de sustituír. Unha vez realizado o nomeamento envíabase testemuña escrita á Real Audiencia da Coruña e ó Capitán Xeral do Reino de Galicia, que exercía como representate do monarca no noso país. Este privilexio non só lles permitía ós veciños gobernar a súa cousa pública con autonomía doutros poderes, senón que lles garantía outros beneficios. Mentres que en toda Galicia de costume se pagaban tributos ós señores como as lutuosas, as fumaxes e demais dereitos de vasalaxe[5], en Entrimo estaban exentos de semellantes gravames, o cal, dada a escasa entidade da fiscalidade señorial[6], máis que nada garantíalle o non ter que recoñecer a ningún señor sobre si mesmos ademais do Rei.

Con todo, existía un núcleo que escapaba á autoridade do concello e a súa corporación, xa que no seu interior existía un pequeno couto pertencente ó conde de Ribadavia. Este non representaba unha extensión contínua da xeografía entrimeña, senón que comprendía o exercicio da xustiza sobre os veciños de algunhas aldeas[7]. En 1753 tratábase dun total de 115, dos cales 10 residían en Guxinde, 32 en Ferreiros, 48 na Illa, en Asperelo 19 e en “Las Quintas” 6[8]. Para administrar xustiza sobre aqueles sobre os dispuña de privilexio nomeaba o dito conde de Ribadavia[9] xuíz meiriño cada tres anos.

O porqué da existencia deste condado é complexo, pero está sobradamente documentado para poder expolo aquí de xeito claro. A finais do século XV o conde de Ribadavia, Bernardino Sarmiento, tentou apropiarse do señorío das terras de Entrimo. Alegando que lle pertencía a xurisdición civil e criminal da metade do territorio do actual Entrimo, quixo imporlle os seus vasalo un tributo de todo punto desorbitado[10]. Como medida defensiva, os veciños reclamaron ante a xustiza real especificando quenes eran os lexítimos señores e os privilexios dos que disfrutaran ata o momento, emprendendo así un ruidoso pleito co conde na Audiencia da Coruña. Segundo os demandantes, sempre escolleran por si mesmos o seu xuíz, sen que ninguén interferira na elección, ademais de ser vasalos do Monarca, o Mosteiro de Celanova e o de Feás de Eiras . Despois de anos de fallos e apelacións, por intervención real a Audiencia decidiu que un terzo da xurisdición sería para o conde, quedando en posesión do exercicio da xustiza sobre os lugares xa citados, pero restante quedaría en propiedade  da raíña Isabel a Católica, a par que se lles recoñecía os veciños os seus privilexios e se lles indemnizaban as costas do xuízo. Deste xeito, os veciños de Entrimo venceron a cobiza do conde conservando as súas vellas costumes.

En definitiva, o marco administrativo do Antigo Réxime difería en todo do actual, pero podemos atopar vestixios de institucións de autogoberno que existían na Baixa Limia dende a Idade Media, e que seguiran existindo como tales ata a implantación definitiva do réxime constitucional na rexencia de María Cristina (1833-1840) e a promulgación do Estatuto Real de 1834, que conleva a desaparición dos reinos medievais –entre eles o de Galicia- e a aparición das actuais provincias e concellos. Segundo defenderon sempre os antigos entrimeños, o privilexio do autogoberno fóralles concedido en 1228 polo rei Alfonso IX de León e Galicia, pero sexa verdade ou non, o certo é que sempre fixeron gala de defender os seus dereitos participativos dentro dun marco político opresivo, no que os principios rectores da política resumíanse en o “Deus o quere e o Rei o ordena”. Naqueles tempos, dentro dese orde tan desfavorable para eles, unha comunidade de veciños ben unidos e conscientes de que se non se facían oir eran esmagados, poideron facerse valer e ser respeitados por aqueles que os gobernaban.

1] De algures lle había de vir o apelativo de Real. Este tamén é o caso do mosteiro de Santa María A Real de Porqueira, que nesta altura era de padroado real.

[2] Ambas foran creadas posteriormente.

[3] Os concellos actuais formáronse por agregación de parroquias, co cal os seus límites actuais coinciden cos que presentaban estas parroquias naquel entón. Sobre o nome de A Illa, realmente singular e que non semella ter outro orixe que o significado propio da palabra, podemos afirmar que deriba de “villa”, xa que polo menos ata o século XV ese lugar denominábase “Villar de Lobos”.

[4] Os señorío era un poder moi concentrado, xa que na Baixa Limia existían en 1753 as 40 parroquias enmarcadas en 16 xurisdicións e coutos, pero só existían 9 propietarios destas, dada a acumulación de posesións por algún deles. O mellor exemplo é o bispo de Ourense, o cal exerce o señorío sobre as xurisdicións de Riocaldo, Lobios e Manín.

[5] A lutuosa era un imposto de índole señorial polo cal, á morte do cabeza de casa o seu señor tiña dereito levar a mellor alfaia da casa, xeralmente uha cabeza de gando. A fumaxe era un tributo que se pagaba por ter lume aceso na xurisdición do señor. Todos eles equivalen os impostos de vasalaxe.

[6] En xeral a súa importancia diminuíra dende a Idade Media. Así, salvo algunha excepción, na Baixa Limia non se pagaba máis dun real por veciño. O salario por un día de xornal oscilaba entre 2 e 3,5 reais, en función da parroquia.

[7] Naquela altura o termo veciño designaba a unha casa aberta e con lume aceso, independentemente do número de habitantes desta, e non a un individuo concreto.

[8] Probablemente se trate das Quintáns, lugar da parroquia de Galez, aínda que tamén pode que sexa A Quintán, lugar da parroquia de Entrimo.

[9] Nesa altura era 13º conde de Ribadavia Diego Sarmiento de Mendoza.

[10] Un carneiro adulto e un touciño, algo dificilmente tolerable para unha casa labrega daquela altura.

Os documentos orixinais e datos publicados sobre os que se asenta este post podense consultar facilmente. As súas refrencias son:

  • Documentos de arquivo:

Archivo General de Simancas, Catastro de Ensenada, Respuestas Generales, Libro 214, páxina 673 e seguintes.

Este arquivo ten colgada na páxina Portal de Archivos Españoles (PARES) diversa información da Chancelería de Valladolid, incluídas as Respostas Xerais ó Catastro de Ensenada.

  • Libros:

Olga Gallego Domínguez (1988): La Organización administrativa territorial de la antigua provincia de Ourense a mediados del siglo XVIII, Ourense, Museo Arqueolóxico provincial.

Manuel Nóvoa Blanco (1986): “Pleito entre los vecinos de Entrimo y el Conde de Ribadavia”, Boletín auriense, Tomo 14-15, pp. 263-280.

Francisco Xavier Rio Barja (1988): Cartografía xurisdiccional de Galicia no século XVIII, Santiago de Compostela, Consello da Cultura. (Dispoñible on-line).

Pegerto Saavedra Fernández (2008): “O entramado comunitario do campesiñado galego de mediados do XVI a comezos do XIX”, en A Patria enteira: homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández, pp. 867-894, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela.

-(2013): Demarcacións, topónimos, papeis, menoria. Sobre a división e o control do territorio na Galicia Moderna, A Coruña, Real Academia Galega. (Dispoñible on-line).

Antonio Eiras Roel (1997): “El régimen señorial en Galicia a finales de la Edad Moderna: Evaluación”, Obradoiro de Historia Moderna. nº 7, pp. 7-46. (Dispoñible on-line).

Mª Belén Pumar Diéguez (2013): “Los cotos de la dignidad episcopal a finales del siglo XVII”, Diversarum rerum, nº 8, pp. 73-88. (Dispoñible on-line).

Rubio Pérez, L. (2009a): El concejo, Biblioteca Leonesa de Tradiciones, León.

  • (2009b): “La gestión del Común”, Biblioteca Leonesa de Tradiciones, León.

(2008): “O entramado comunitario do campesiñado galego de mediados do XVI a comezos do XIX”, en A Patria enteira: homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández, pp. 867-894, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela.

Autor: Cristian Oliveira Brito

Publicado en Entrimo, Historia | Deixa un comentario

O estado concede outros 360 MW hidroeléctricos a GN-Fenosa na reserva da biosfera Gerês-Xurés

O estado vén de publicar a declaración de impacto ambiental da central reversíbel en caverna que unirá os encoros de Salas e As Cunchas, na bacía do Limia. Serán 74 meses de obras; máis de un millón de metros cúbicos de entullos estrados na reserva da Biosfera Gerês-Xurés a razón de 327 viaxes de camión diarias; baixadas de caudal durante meses nos dous encoros; riscos de eutrofización; eliminación física de 153 hectáreas de hábitats protexidos e afección a endemismos e especies en perigo de extinción… Todo para que GN-Fenosa siga espremendo dúas concesións franquistas (1949 e 1942) até esgotar os 99 anos de vixencia e, de paso, rendibilizar convertendo en “verde” a electricidade (mesmo nuclear) que non pode colocar no mercado ao prezo que lle convén. Un “branqueo” en toda regra de megawatios suxos co calote do bombeo, mentres a cidadanía galega segue a asumir os impactos e pagando a electricidade máis cara do estado.

As mentiras de GN-fenosa para xustificar este novo espolio

GN-Fenosa xustifica o proxecto agora aprobado atendendo ás seguintes razóns:

“Gestión de valles y puntas de demanda”Pretende facer ver que a electricidade que non se consome “pérdese”, esquecendo que xunto á xestión da demanda (que debería ir orientada á redución), deberiase incidir tamén sobre a oferta, reducindo a xeración cando non se precise. Mais GN-Fenosa non pensa reducir a xeración (como amosa este proxecto), ben ao contrario: pretende aumentar a produción co único e pouco disimulado obxectivo de rendibilizar unha enerxía que nun momento dado non pode colocar no mercado ao prezo que quere en lugar de aforrar a súa xeración.

“Puntas ocasionales en la producción de renovables”: Esta é a típica xustificación de moitas centrais de bombeo: aportar “constancia” ao subministro fronte ás “irregularidades” na produción dalgunhas renovábeis, especialmente a eólica. Mais algunhas das “non renovábeis” tradicionalmente consideradas como garantistas do sistema pola súa estabilidade, tamén están suxeitas a variacións: razóns económicas, políticas etc. poden condicionar de xeito determinante os prezos e a dispoñibilidade destas enerxías no mercado, alén dos incidentes que poidan obrigar, como aconteceu en Xapón despois de Fukushima, a apagar todas as nucleares. Porén, GN-Fenosa na documentación do proxecto non oculta cal vai ser o ciclo de operacións (ver figura lateral)

Como vemos, lonxe de atender ás puntas ocasionais de renovábeis, o réxime de funcionamento (bombear fins de semana e noites dos días úteis, turbinando de mañán) deixa claro o verdadeiro obxectivo do proxecto: colocar no mercado en horario laboral, cando o prezo é máis alto, a enerxía acumulada por bombeo en momentos de baixa demanda no encoro superior (Salas). Ulas as supostas puntas de produción das renovábeis? Ou é que o vento sopra máis pola noite e días feriados que polas mañáns?

Mais cómpre avaliar tamén a procedencia da enerxía coa que se bombea a auga dun encoro (Cunchas) ao outro (Salas). GN-Fenosa di que “la electricidad almacenada en los momentos de menor demanda vendrá gereralmente de un ‘mix’ de generación baijo en C –eólica y nuclear- con menor participación de los ciclos combinados de gas”. Portanto, non son unicamente as renovábeis as responsábeis deste “exceso” de produción non colocado. Tamén as nucleares e as centrais de gas (megawatios suxos) contribúen a xerar a electricidade (non renovábel e contaminante) que é usada para bombear a auga, que logo ao ser turbinada é convintemente “lavada” en megawatios “limpos” e colocada no mercado a un prezo superior.

-“Autoabastecimiento”: GN-Fenosa non considera o ámeto galego, no que desenvolve a súa produción, como referenza válida. Cando fala de “autoabastecemento” refírese exclusivamente ao español. Por que non o ámeto peninsular ou europeo? De facelo comprobaría que o noso país é excedentario na produción de electricidade e que a demanda industrial e urbana está por baixo da capacidade de produción das centrais do país. GN-Fenosa esquece tamén que o autoabastecemento cómpre ligalo ao aforro e á eficiencia. Ao aforro porque a millor enerxía é a que non é necesario producir, e tendo a acadado Galiza a suficiencia eléctrica (cunha importante porcentaxe de renovábeis, ao contrario que outros lugares do estado) non precisaría producir máis. E á eficiencia, porque alén de que o bombeo ten un déficit enerxético neto de arredor do 30%, a electricidade producida non vai ser consumida polo tecido económico galego senón que será exportada á meseta, engadindo outro 30% ás perdas durante o transporte.

Con este novo agasallo, o governo español segue acrescentando os beneficios de GN-Fenosa e afortalando a súa “unidade de destino” co oligopolio eléctrico. Como reliquias do franquismo, as concesións hidroeléctricas seguirán producindo megawatios até o último momento, algunhas reconvertidas en centrais de bombeo para permitir aos seus promotores seguir “lavando” megawatios suxos e especulando co prezo da enerxía. E preparando as cadeiras para o dourado retiro dos políticos xa amortizados, en atención aos servizos prestados.

Fonte da noticia: http://adega.gal/novas.php?id=619&idioma=gl&sec=7

Publicado en Artigos de Prensa, Central Reversible Salas–Conchas | Deixa un comentario

Campaña de recollida de sinaturas

A Plataforma Baixa limia, iniciou unha campaña de recollida de sinaturas , pretendemos protestar  polo abandono e marxinación que sufre a nosa comarca por parte  da  administración e os nosos políticos, feitos contrastados pola perda de poboación, emprego, comunicacións, medioambiente, etc,etc
Nas nosas demandas está a mellora do eixo de comunicacións Casal do Bispo-Ponte da Barca, proxecto e licitación do enlace Maus do Baño-Xinzo, construcción dun parque empresarial nos Chaus-Santa Comba  de Bande, xestion real e posta en valor do Parque Natural Baixa Limia Xures e a  posta en valor dos montes como fontes de recursos e emprego.

O apoio dos vecinos da comarca e a documentancion fareselle chegar a Xunta de Galicia e os partidos  políticos que se presenten as próximas eleccions o parlamento galego no mes de setembro

Con elo pretendemos rematar dunha vez por todas con esta longa noite de pedra que por abandono dos nosos gobernantes levamos pedecendo dende fai moitos longos anos, unha comarca a que lle sobran recursos e a que lle faltan xentes que aposten por ela.

Rematar con esta situación  depende de tod@s

Pomos os documentos para que calquera poida recoller firmas e axudar a que a baixa limia non morra no esquecemento.

SINATURAS 1 SINATURAS 2

Publicado en Autoestrada - OU-540, Contaminacion Embalse das Conchas, Outros, Polígono Industrial | Deixa un comentario